A Xunta pon a disposición do sector marisqueiro un millón de euros para axudas de rexeneración das súas zonas de traballo

15 de Decembro de 2019
Destas subvencións poden beneficiarse as confrarías, organizacións de produtores e entidades asociativas do sector que sexan titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social en Galicia
A Xunta pon a disposición do sector marisqueiro un millón de euros para axudas de rexeneración das súas zonas de traballo

A Consellería do Mar destina un millón de euros en axudas a distribuír nas anualidades 2020 e 2021 para apoiar ao sector marisqueiro no desenvolvemento de proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños das súas zonas de traballo. Destas achegas poden beneficiarse as confrarías, organizacións de produtores e entidades asociativas do sector que sexan titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social en Galicia. As solicitudes de axudas poderán presentarse ao longo de todo o ano.

O apoio poderá acadar o 100% do investimento subvencionado e coas achegas favorécese o desenvolvemento de proxectos colectivos en Galicia e que teñen por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúen a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños.

Entre as accións que se apoian están as centradas en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños e as destinadas á redución da contaminación física e química. Tamén as medidas de conservación que busquen protexer e conservar a flora e fauna, incluída a repoboación de especies autóctonas, aplicando os principios da infraestrutura verde da Comisión Europea. Outras accións susceptibles de axuda son as dedicadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras.

Solicitudes

As solicitudes de axudas pódense presentar ao longo do período do programa operativo do FEMP ata o 1 de marzo de 2020. Poderase realizar unha primeira adxudicación coas solicitudes presentadas ata o 1 de marzo e, de non esgotarse o crédito, poderá realizarse unha segunda adxudicación coas presentadas ata o 1 de setembro. As solicitudes con data de presentación a partir do 2 de setembro quedarán para a seguinte convocatoria.

orde que fixa o crédito da convocatoria de 2020 destas achegas saíu publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia e os interesados en pedir as axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que as regula, publicada no Diario Oficial de Galicia do 4 de febreiro de 2019. A presentación das solicitudes farase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.