A Xunta defende que cumpriu con rigorosidade o que establece a Unión Europea en relación ás axudas de vixilancia e asistencia técnica nas confrarías

08 de Febreiro de 2019
A secretaria xeral técnica e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo
  • O Goberno autonómico xa trasladou á Comisión Europea e ao Goberno central que a aplicación da normativa europea pode ocasionar prexuízos ás confrarías e segue a realizar xestións para atopar unha solución
  • A Consellería do Mar impulsou un cambio para aumentar os segmentos de frota nos que os tripulantes de pesqueiros galegos poden acceder a axudas para comprar o seu propio barco e converterse en armadores

A secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, defendeu hoxe no Parlamento o labor da Xunta na concesión das axudas de vixilancia e asistencia técnica nas confrarías de pescadores. Unhas achegas, explicou, que lle foron inadmitidas a seis confrarías de pescadores por incumprimento dos requisitos que marca a Unión Europea. Neste procedemento, explicou, “o que fixo a Consellería do Mar foi resolver conforme a dereito”.

Neste sentido, a secretaria xeral técnica fixo fincapé en que estas axudas se financian con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que teñen que axustarse aos criterios e requisitos que establece. Un deles, expuxo, é que no ano anterior á data de presentación de solicitudes, a entidade que queira ser beneficiaria das mesmas non fose sancionada de xeito grave en materia de pesca ilegal non declarada e non regulamentada. Así o especifica a normativa europea deseñada para previr, desalentar e eliminar esta práctica.

As solicitudes inadmitidas das seis confrarías están nesa situación e ténselles que aplicar o artigo 10 do regulamento FEMP, explicou. Esta normativa, insistiu Isabel Concheiro, é de obrigada aplicación e, de non cumprila, “a Consellería do Mar cometería prevaricación”. Ademais aclarou que as inadmisións destas solicitudes “non teñen efecto retroactivo, na medida en que se producen no momento inicial da tramitación do expediente e produce efectos desde que se acorda, non antes”.

Agora ben, engadiu a secretaria xeral técnica, a Xunta é consciente dos prexuízos que a aplicación destas normas podería ocasionar ou ocasiona ás confrarías e a outras entidades e operadores do sector”. Por iso, afirmou, “levamos tempo traballando en distintas liñas con distintas institucións para tratar de solucionar esta cuestión”. Neste sentido, destacou “a preocupación e a vontade completa da Xunta” para solucionar esta situación.

Así, Isabel Concheiro explicou que a Xunta promoveu a consulta á UE por parte do Goberno central, que é a autoridade de xestión do FEMP, sobre se a comercialización de tallas antirregulamentarias polas lonxas debía ou non considerarse como actividade comercial directamente relacionada coa pesca ilegal non declarada e non regulamentada. A UE respondeu de xeito afirmativo, indicando que se considera unha infracción grave. De aí a resolución de inadmisión da axuda por parte da Consellería do Mar, realizada de conformidade co FEMP. Esta actuación, insistiu Isabel Concheiro, “é a única que a Consellería do Mar podía ter”.

Ademais a secretaria xeral técnica sinalou que esta problemática será obxecto dunha reunión que a conselleira do Mar manterá proximamente co director xeral da DG MARE en Bruxelas.

Dos casos destas seis confrarías, especificou Isabel Concheiro, difire o da Asociación de Rañeiros da ría de Arousa, á que lle foi inadmitida a solicitude de axuda por desistencia ao non presentar unha documentación requirida durante a tramitación.

Pesca

Por outra banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou tamén no Parlamento que a Xunta prevé conceder este ano as primeiras axudas para que tripulantes de pesqueiros galegos menores de 40 anos poidan adquirir unha embarcación e converterse en armadores. Estas achegas, de ata 75.000 euros por beneficiario, foron convocadas xa en anos anteriores pero os requisitos fixados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca provocaron que non se puidera atender ningunha solicitude, explicou a directora xeral.

A normativa europea exixe que o segmento de frota ao que se queira incorporar a embarcación estea en equilibrio, é dicir, que o número de buques se axuste aos recursos existentes, o que impide a sobreexplotación. A interpretación anterior do que é frota en equilibrio non deixaba opcións neste sentido, pero o Goberno central, a instancias da Xunta, revisou esa interpretación e agora boa parte da frota de baixura galega xa pode optar ás axudas. A directora xeral de Pesca aclarou que, ante a imposibilidade de executar estas partidas orzamentarias en anos anteriores, incrementáronse os importes doutras partidas coa idea de aproveitar os fondos e fortalecer a competitividade da frota e a formación marítimo-pesqueira.

Mercedes Rodríguez tamén analizou os resultados da enquisa Ocupesca, sobre os postos de traballo xerados pola pesca extractiva en Galicia, e a ocupación na provincia de Lugo. Na súa intervención subliñou que o sector gañou 742 profesionais entre 2015 e 2017 e incidiu en que en Lugo se dá unha situación de estabilidade. Ao mesmo tempo, alertou do risco de comparar os datos desta enquisa coas estatísticas de poboación activa e salientou que o aumento de profesionais é especialmente relevante nas artes menores, con 826 traballadores máis en dous anos, e no cerco, con 144 mariñeiros máis.