A Xunta contribuíu á rexeneración de máis de 12,5 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros nos últimos dez anos

07 de Xuño de 2019
A secretaria xeral técnica e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro responderon a diferentes preguntas na Comisión 8ª
A Xunta contribuíu á rexeneración de máis de 12,5 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros nos últimos dez anos
  • Nos últimos dous anos rexeneráronse máis de 700.000 metros cadrados só mediante proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños
  • O Executivo galego lembra que ten en marcha oito accións de investigación para favorecer o aumento da produción de berberecho na ría de Arousa e a loita contra a marteiliose, o parasito que provoca a súa mortalidade
  • A Consellería do Mar destaca que Galicia lidera no conxunto das comunidades do Estado a execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, explicou hoxe no Parlamento que a Consellería do Mar contribuíu nos últimos dous anos á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros de Galicia mediante a rexeneración de máis de 700.000 metros cadrados de superficie só a través de proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. No ano 2017 a superficie rexenerada no marco destas accións superou os 384.000 metros cadrados e en 2018 roldou os 326.000 metros cadrados. Estes traballos súmanse a outras actuacións coas que o Executivo galego leva rexenerados máis de 12,5 millóns de metros cadrados de zonas de traballo nos últimos dez anos.

As principais actuacións realizadas no marco destas convocatorias de axudas para proxectos colectivos son a rexeneración do substrato mediante a súa descompactación e a emenda de sedimento con aporte de áridos así como a sementeira con especies marisqueiras autóctonas. Tamén inclúen a limpeza e eliminación de residuos antropoxénicos e de especies exóticas invasoras prexudiciais para os hábitats e as especies marisqueiras.

Susana Rodríguez tamén abordou a produción dos bancos marisqueiros da ría de Arousa e salientou que as descargas rexistradas entre outubro de 2018 e abril de 2019 ratifican a recuperación da produción das distintas especies de ameixa desde a campaña 2014-2015, que estivo lastrada pola elevada mortalidade causada nos Lombos do Ulla polas fortes choivas e as riadas. A produción desta última campaña acadou as 446 toneladas de bivalvos e 3,2 millóns de euros facturados en primeira venda.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro matizou, non obstante, que non se pode falar en sentido estrito de campaña de libre marisqueo 2018-2019 pois este ano entrou en vigor o plan de explotación da Asociación de Rañeir@s da Ría de Arousa para desenvolver a súa actividade nos bancos dos Lombos do Ulla, Cabío e Boído, mentres que o resto de zonas quedan sometidas ás normas de explotación do libre marisqueo.

A representante da Consellería do Mar tamén destacou que o Executivo galego está a traballar noutras accións para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros na ría de Arousa con inversións de máis dun millón de euros. Entre elas salientou ata oito accións de investigación aprobadas para mellorar a produción de berberecho e loitar contra a marteiliose, o parasito que provoca unha elevada mortalidade deste bivalvo.

Execución dos recursos do FEMP

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, tamén respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) na que destacou que Galicia lidera no conxunto das autonomías do Estado a execución do fondo en termos absolutos. Este instrumento financeiro ten vixencia desde o ano 2014 ata 2020 ao que hai que sumar outros tres anos pola aplicación da regra n+3.

Non obstante, a secretaria xeral destacou que non se puido levar a cabo unha execución significativa do FEMP ata mediados de 2016 debido á demora da publicación do regulamento europeo que rexe este fondo, que trouxo como consecuencia o atraso da aprobación por parte do Ministerio do Programa Operativo e dos criterios de selección das ordes de axuda das distintas comunidades autónomas con cargo ao FEMP.

Tendo isto en conta e que o importe asignado a Galicia para todo o período é de algo máis de 371 millóns de euros, cada ano deberían poñerse a disposición do sector aproximadamente 37 millóns de euros e Galicia supera esta cifra, explicou Isabel Concheiro. Neste sentido, a secretaria xeral técnica defendeu a xestión de Galicia e detallou que a Consellería do Mar puxo a disposición do sector preto de 142 millóns de euros ata o ano 2018, fundamentalmente mediante a convocatoria de axudas.