A Xunta colabora coa Confraría de Ribadeo destinando máis de 102.000 euros á mellora de equipamento e da conservación dos recursos mariños

26 de Decembro de 2018
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que recentemente se notificaron as novas axudas para vixiantes e asistencias técnicas
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, en Ribadeo

A Consellería do Mar investiu este ano 102.500 euros en dous programas de colaboración coa Confraría de Ribadeo para mellorar o equipamento e a conservación e explotación dos recursos mariños. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza co patrón maior, Javier Martínez Otero, e con outros representantes da confraría para valorar estes apoios.

A entidade recibiu, en conxunto coa agrupación de mariscadores de Barreiros, 51.840 euros para a contratación de dous vixiantes e un biólogo durante doce meses. Este programa renóvase cada doce meses e ten por obxectivo reforzar a vixilancia e elaborar e supervisar os plans de xestión que garanten a conservación e explotación responsable dos recursos mariños na provincia.

O delegado anunciou que recentemente se notificaron as novas axudas que promoven o mantemento destes contratos, que neste caso sufragarán os custos do segundo semestre do 2018 e o primeiro do 2019.

Así mesmo, a Consellería do Mar destinou 50.700 euros á Confraría de Ribadeo para a compra de novo equipamento. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro facilitou a adquisición dunha carretilla elevadora 100% eléctrica para utilizar no proceso de descarga, no traslado das caixas nas que se transportan as capturas entre as embarcacións atracadas e o interior da lonxa onde teñen lugar as poxas.

Por outra banda, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, tamén se financiou a compra dun vehículo isotermo, tanto para o transporte dos recursos marisqueiros extraídos polos mariscadores ata a lonxa como para a vixilancia dos bancos marisqueiros, e dunha máquina para fabricar xeo triturado para as descargas de produtos pesqueiros e marisqueiros na lonxa de Ribadeo garantindo a conservación en fresco. Todas estas axudas enmárcanse no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Balseiro lembrou que as confrarías tamén contan co apoio do persoal propio da Consellería do Mar, biólogos e integrantes do servizo de Gardacostas de Galicia, que operan nas nosas costas.