A Xunta analiza coas federacións de confrarías de pescadores de Galicia algúns dos retos a abordar nesta lexislatura

16 de Outubro de 2020
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse nos últimos días cos presidentes das federacións de confrarías de pescadores de Galicia.
A Xunta analiza coas federacións de confrarías de pescadores de Galicia algúns dos retos a abordar nesta lexislatura

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse nos últimos días cos presidentes das federacións de confrarías de pescadores de Galicia cos que debateu sobre os principais retos a abordar nesta lexislatura, entre eles a futura reforma da Política Pesqueira Común (PPC), o novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e outros asuntos de interese para o sector pesqueiro galego como o brexit. Unhas cuestións sobre as que destacaron a importancia de ter en conta o aspecto social, é dicir, ás persoas do sector pesqueiro e de traballar coa mirada posta na remuda xeracional para facer competitiva e sostible a pesca europea e en particular a galega.

No encontro a conselleira e os presidentes das federacións tamén puxeron de relevo a necesidade de estreitar e impulsar a colaboración entre o sector, a administración e os científicos para dotarse de argumentos cos que defender os intereses e a realidade do mar de Galicia ante as distintas institucións españolas e europeas. Neste sentido, valoraron a importancia de seguir traballando para que nas decisións que se tomen relativas ao mar se teñan en conta, ademais dos aspectos medioambientais, os económicos e sociais. Este tipo de encontros teñen como obxectivo intercambiar impresións de primeira man cos representantes das confrarías e coñecer as súas inquedanzas coa finalidade de traballar xuntos e coordinados e seguir avanzando na pesca profesional.