A Unión Europea pon a Galicia como exemplo no funcionamento continuo dos grupos de acción local do sector pesqueiro

19 de Abril de 2018
A reunión de Farnet que se celebra hoxe e mañá en Bruxelas ten como obxectivo recoñecer o traballo que realizou Galicia para dar continuidade sen interrupción ao labor dos grupos de desenvolvemento local das zonas costeiras
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asiste en Bruxelas á reunión da Rede Europea de Zonas de Pesca, Farnet
  • Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en constituír os grupos de acción local do sector pesqueiro

A Unión Europea pon como exemplo a Galicia no funcionamento continuo dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALPs) entre o actual período de programación con horizonte 2020 e o anterior. Así se está a poñer de relevo na reunión de autoridades da Rede Europea de Zonas de Pesca, Farnet, que se celebra hoxe e mañá en Bruxelas e á que asiste a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Nesta xuntanza participan as autoridades de xestión do eixo 4 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, relativo ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca mediante o Desenvolvemento Local Participativo. Ten como obxectivo recoñecer o traballo que realizou Galicia para dar continuidade sen interrupción ao labor dos antigos Grupos de Acción Costeira, do período de programación do fondo financieiro europeo anterior. Un labor co que Galicia seguiu incluso adiantándose á entrada en vigor do período operativo actual a través da posta en marcha dos GALPs.

Os pasos dados pola comunidade autónoma galega para o funcionamento dos actuais GALPs foron explicados hoxe na reunión por unha técnica da Consellería do Mar. Así Galicia fixo fincapé no seu plan trazado para avanzar o máis rápido posible e de xeito continuo no labor do desenvolvemento local das zonas de pesca.

Este plan empezou en abril de 2015, cando a Consellería do Mar publicou a convocatoria de selección de candidatos a grupos de acción local do sector pesqueiro para a elaboración de estratexias de desenvolvemento local participativo no horizonte 2020. En xullo foron seleccionadas as asociacións candidatas e a partir dese momento os grupos tiveron catro meses para elaborar as súas estratexias.

Galicia explicou ao resto das autoridades de Farnet que neste período ofreceu aos grupos diferentes vías de apoio como a organización de xornadas de formación de portas abertas e a redacción dunha guía para a elaboración das súas estratexias de desenvolvemento local participativo.

Ademais a Administración galega animou aos grupos a incluír nas súas estratexias aspectos relacionados coa Política Pesqueira Común ou o cambio climático. Tamén organizou xornadas de divulgación en cada unha das zonas dos grupos para dar a coñecer os resultados do desenvolvemento local durante o período do Fondo Europeo de Pesca cos grupos de acción costeira.

Segundo explicou a Consellería do Mar, a revisión das estratexias realizouse en menos de dous meses, de xeito que en xaneiro de 2016 os GALPs e as zonas xa estaban seleccionados e os seus orzamentos asignados. Deste xeito Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma de España en seleccionar os grupos e aprobar as súas estratexias. Así a primeira convocatoria de axudas aos proxectos dos grupos publicouse en xuño de 2016.

Na súa intervención na reunión de Farnet, Galicia tamén expuxo que as estratexias que desenvolven os grupos están sendo implementadas con bo ritmo. De feito, realizáronse catro convocatorias de axudas nas que resultaron aprobados 226 proxectos.

Por último, en relación ao período de programación posterior ao 2020, Galicia destacou a necesidade de que o desenvolvemento local participativo siga vinculado ao fondo de financiamento pesqueiro e que haxa continuidade entre programas neste aspecto sen ser preciso seleccionar novos grupos.

Os GALPs e Farnet
Os grupos de acción local do sector pesqueiro son asociacións sen ánimo de lucro compostas por entidades que representan os intereses socioeconómicos locais públicos e privados dentro da zona. Así, actualmente Galicia conta con oito grupos (Golfo Ártabro Norte, A Mariña Ortegal, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra, Ría de Vigo-A Guarda e Golfo Ártabro-Sur).

A Rede Europea de Zonas de Pesca, Farnet, é un organismo da Comisión Europea para asesorar na implantación das medidas europeas para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, dentro do marco do eixo 4. A entidade celebra cada ano unha reunión das autoridades de xestión deste eixo do FEMP co obxecto de apoialas na súa posta en marcha a través dos GALP e intercambiar experiencias, entre outras cuestións.