Galicia insiste ao Goberno central sobre o papel vital do Instituto Español de Oceanografía na defensa dos intereses da frota en cuestións como a fixación das cotas de pesca

22 de Outubro de 2020
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha reunión por videoconferencia coa secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz
Galicia insiste ao Goberno central sobre o papel vital do Instituto Español de Oceanografía na defensa dos intereses da frota en cuestións como a fixación das cotas de pesca
  • Lamentou a situación deste centro e demandou unha vez máis ao Executivo estatal que reverta o seu desmantelamento e que adopte medidas para reforzar o seu traballo de cara á determinación das posibilidades de pesca de 2021
  • Ante as negociacións do brexit, a conselleira do Mar solicitou ao Goberno do Estado que faga valer en Bruxelas a importancia do acordo pesqueiro xerando apoios ao máximo nivel á hora de afrontar a parte final da negociación
  • A titular de Mar tamén pediu ao Executivo central que reconsidere canto antes a cota establecida para o marraxo e a emisión do certificado de exportación para solucionar o bloqueo da comercialización desta especie que prexudica á frota de palangre de superficie
  • A Xunta defendeu unha vez máis a flexibilidade e a axilidade na aplicación do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca co obxectivo de que non prexudique á súa execución como está a acontecer co actual

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo hoxe fincapé no papel vital de argumentación e asesoramento do Instituto Español de Oceanografía (IEO) na defensa dos intereses da frota de cara á fixación das cotas de pesca que cada ano se negocian en Bruxelas. Neste sentido, a titular de Mar lamentou a situación deste centro que o Goberno central pretende integrar no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e demandou unha vez máis ao Executivo estatal que reverta o seu desmantelamento e que adopte medidas para reforzar o seu traballo de cara a determinación das posibilidades de pesca de 2021.

Así llo trasladou hoxe Rosa Quintana á secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, coa que mantivo unha xuntanza por videoconferencia para abordar varios temas de interese do sector marítimo-pesqueiro de Galicia. En relación á fixación de Totais Admisibles de Captura (TAC) para o ano que vén, a conselleira defendeu a necesidade de ter en conta os aspectos socioeconómicos do sector e salientou distintas cuestións de interese da comunidade galega relativos a algunhas especies obxectivo da frota.

Para a cigala da zona do Cantábrico, Galicia solicitou á secretaria xeral de Pesca que o Goberno central defenda ante a Comisión Europea o establecemento dun TAC anual que permita a apertura e explotación desta pesqueira en condicións sustentables e acordes cunha análise rigorosa do estado do recurso. No que respecta ao xurelo sur, Galicia defende que se teña en conta o informe do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) para poder incrementar as súas posibilidades de pesca. En canto á sardiña, Rosa Quintana, destacou a importancia de seguir defendendo o plan de xestión conxunto entre España e Portugal para evitar a imposición dun TAC a esta especie, o que podería supor unha minoración da cota asignada a España.

Ademais a conselleira destacou a relevancia clave que ten para a frota a determinación das posibilidades de pesca de 2021, posto que supón manter en todas as especies o obxectivo de Rendemento Máximo Sustentable (RMS), é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock, compatibilizando esta situación con aspectos como o posible impacto do brexit.

En relación ás negociacións da Unión Europea co Reino Unido relativas a este proceso e tendo en conta que as posibilidades de finalizalas sen acordo van en aumento, Rosa Quintana solicitou a Alicia Villauriz que o Goberno central faga valer en Bruxelas a importancia do acordo en materia pesqueira xerando apoios ao máximo nivel á hora de afrontar a parte final da negociación. Ademais Galicia pediu ao Executivo estatal que solicite que a reserva de axuste do brexit permita beneficiar tamén ás rexións prexudicadas pola concentración de máis buques nas súas zonas de traballo debido ao abandono de augas británicas.

A Xunta solicitou ademais ao Goberno central que aprobe un real decreto de medidas transitorias para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan manter as súas operacións en portos galegos como Celeiro ou Burela. Nesta liña, o Executivo galego tamén demandou ao estatal o reforzo ou a creación de novas unidades de Aduanas e os Postos de Inspección Fronteiriza para non colapsar as descargas.

Frota palangreira

Outro dos temas abordados nesta reunión foi a situación da frota de palangre de superficie, sobre a que Rosa Quintana trasladou a Alicia Villauriz a preocupación de Galicia ante o bloqueo da comercialización do marraxo que prexudica aos barcos galegos deste sector e que é consecuencia de medidas de xestión relativas á cota da especie e á emisión de certificados de exportación nas que non se tivo en conta a realidade do sector.

En canto á cota desta especie hai que lembrar que Galicia xa advertiu a finais de 2019 ao Executivo estatal dos prexuízos da decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de establecer pola súa conta unhas cantidades de captura de marraxo distintas e inferiores ás recomendadas no seu momento pola Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) para a axeitada xestión da especie. Esta decisión levou a que por primeira vez se paralizase a pesqueira do marraxo, deixando incluso parte das capturas inmobilizadas a bordo dos barcos ou en tránsito cara a España. Neste sentido, a conselleira do Mar solicitou á secretaria xeral de Pesca que o Executivo central axilice canto antes a reconsideración da cota establecida para o marraxo e a emisión do certificado de exportación para poder dispor do recurso acumulado nas cámaras frigoríficas.

Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Na videoconferencia tamén trataron aspectos relativos ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca en vigor e ao que abarcará o período 2021-2027. Unha das principais demandas de Galicia de cara a este futuro fondo, defendida ante o Goberno central en diferentes ocasións e reiterada hoxe, é a da flexibilidade e axilidade na súa aplicación co obxectivo de que non prexudique á súa execución como está a acontecer co actual. Neste sentido, Rosa Quintana lembrou a Alicia Villauriz a necesidade de incorporar medidas de simplificación que permitan unha execución e demanda máis fácil por parte dos profesionais do sector.